Patrocinio Allianz para a base do clube da man de Despreocupate Seguros
Unión Campestre, entre os 48 clubes elixidos por Allianz para “El Gran Equipo Allianz” 2025-26
Oleiros, 23 de setembro de 2025.
O Unión Campestre xa forma parte da élite do fútbol base estatal en canto a apoio ao deporte formativo. O club oleirense foi incluído na lista dos 48 equipos de toda España seleccionados por Allianz na primeira edición de “El Gran Equipo Allianz”, un programa de patrocinio dirixido ás categorías U9-U13.
Grazas a este acordo, o Unión Campestre recibirá equipamento completo de competición para dous equipos de nenos e nenas de entre 9 e 13 anos, incluíndo 24 camisolas, 24 pantalóns e 24 pares de medias, ademais de dous chándals completos para o corpo técnico. Segundo datos da propia compañía, este apoio está valorado en arredor de 1.300 euros por club, o que supón un alivio importante para as economías das entidades de base e permite destinar máis recursos á formación deportiva e organizativa.
Desde o club sublíñase que este patrocinio chega nun momento clave:
“Para un club coma o noso, sostido polo esforzo das familias, das crianzas e do voluntariado, contar co respaldo dunha marca como Allianz é un impulso enorme. Axúdanos a seguir medrando sen perder a esencia: formar persoas a través do fútbol”, resaltan desde a entidade oleirense.
O programa “El Gran Equipo Allianz” nace co obxectivo de reforzar o deporte base e os valores que o acompañan: confianza, valentía, traballo en equipo e superación, principios cos que o día a día do Unión Campestre se sente plenamente identificado.
Para as familias e para as rapazas e rapaces do club, a chegada das novas equipacións suporá un motivo extra de ilusión de cara ao inicio da tempada 2025-2026. Os equipos U9-U13 do Unión Campestre estrearán uniformes grazas a este patrocinio, que tamén contribúe a proxectar o nome de Oleiros e da comarca da Coruña no mapa do fútbol base a nivel estatal.
Desde a directiva, o mensaje é claro:
“Este recoñecemento é de todo o barrio, de todas as persoas que, dende hai anos, empuxan o club. Agora tócanos corresponder dentro e fóra do campo, seguindo a traballar con humildade, respecto e ilusión”.
Co apoio de Allianz e o traballo diario en Bastiagueiro e nos campos da contorna, o Unión Campestre afronta unha nova campaña decidido a seguir sendo moito máis ca un club de fútbol: un espazo de encontro, educación en valores e orgullo para Oleiros.