Participación do equipo feminino no Trofeo Oleiros (subcampións)
🥈 Orgullosas das nosas: Subcampioas do Trofeo Concello de Oleiros
Unión Campestre FC cae pola mínima (1-0) nunha final vibrante decidida por un polémico penalti.
O pasado sábado, o Unión Campestre FC Feminino escribiu unha nova páxina de entrega e coraxe na final do Trofeo Concello de Oleiros. Enfrontabámonos ao Atlético San Pedro, un rival de maior categoría e o gran favorito sobre o papel, pero o fútbol, e sobre todo as nosas guerreiras, demostraron que no verde as forzas iguálanse a base de corazón.
Dende o asubío inicial, o noso equipo plantexou un partido moi serio. Lonxe de amedrentarse pola entidade do rival, as xogadoras do Unión Campestre mostraron unha solidez defensiva impecable e unha claridade de ideas en ataque que sorprendeu ás rivais. O equipo competiu de ti a ti, sen complexos, neutralizando o xogo do San Pedro e xerando perigo cando tiñan o balón.
A balanza decantouse da forma máis cruel: un solitario gol dende os once metros. Un penalti moi discutido e rigoroso que serviu para que o San Pedro puxese o 1-0 definitivo no marcador, un resultado que non reflicte a igualdade vista sobre o terreo de xogo.
Máis alá do resultado, o club quere transmitir o seu inmenso orgullo pola imaxe ofrecida. Noraboa ás campioas polo título, pero sobre todo PARABÉNS en maiúsculas ás nosas rapazas. O voso esforzo, sacrificio e actitude son o verdadeiro trofeo desta fin de semana.
Un recoñecemento especial tamén para o corpo técnico. O traballo na banda baixo a batuta de Julián e Alex foi clave para ver a un equipo tan ben plantado e competitivo. E, por suposto, non nos esquecemos do apoio incondicional de Quique dende a grada 😉, sempre presente.
Seguimos medrando. Seguimos loitando. Isto só é o comezo!
#SempreUnion
❤️ UC1908 💙
❤️ UCFem 💙